Montserrat Pena Presas

A educación das nenas, os estudos feministas e a literatura infantil no Estado español: algunhas claves da súa vinculación en publicacións periódicas

Montse Pena Presas

Universidade de Santiago de Compostela

(montserrat.pena@usc.es)

 

Resumo: O período entre 1975 e 1979 foi no que a pegada da segunda onda feminista no Estado Español tivo un maior impacto. Este feito, canda a renovación do sistema educativo que se fixo imprescindíbel na fin da ditadura, propiciou que os axentes implicados na formación das rapazas se decatasen de que estas estaban sometidas a unha forte presión sexista, propiciada pola escola e polas ficcións dirixidas ao público infantil. Esta comunicación analiza –a través de exemplos concretos– de que maneira revistas de diversa índole se fixeron eco desta preocupación, converténdose nos precedentes da perspectiva de xénero aplicados á literatura infantil e xuvenil.

Palabras clave: educación das nenas, feminismo, literatura infantil e xuvenil, revistas, década dos 70.

 

Abstract: The period between 1975 and 1979 was the time where the trace of the second feminist wave had the biggest impact in Spain. This fact, apart from the renovation of the educational system that became essential at the end of the dictatorship, favoured the fact that the agents who were implicated in girls formation realized that these girls were subjected to a very strong sexist pressure, initiated by the school and the fiction addressed to children. This communication analyses –through specific examples– in what sense journals of different types echoed this concern, setting the precedents of Gender Studies applied to Children’s and Young Literature.

Key words: girl’s education, feminism, children’s literature, journals, the Seventies.

 

Os estudos feministas tiveron no Estado Español até o momento un impacto limitado na literatura infantil. Proba disto é que diversas achegas académicas indican unha evolución feble e un tanto inconsistente na aparición de personaxes rapazas e na variación dos roles que estas representan nas obras. Tal e como sinala Teresa Colomer (1999: 58): “La precariedad de este cambio puede observarse, sin embargo, en el hecho de que la defensa de nuevos roles para la mujer se hace a menudo en forma de discurso explícito, ya sea por parte del mismo narrador, ya en boca de los personajes”.

Este ton didactizante, introducido en forma de contido explícito polas autoras e autores, non significa que o movemento feminista do estado non tivese en conta a educación da nena. Moi ao contrario, dentro dos puntos programáticos da segunda onda feminista dos anos setenta ocupaba un lugar fundamental a igualdade de oportunidades entre cativas e cativos. Por este motivo, foron moitos os artigos, as notas e as reflexións de tons diverso (dende os máis reivindicativos aos máis académicos) que se atopan en publicacións progresistas[1] da época dos setenta, especialmente a partir do simbólico 1975[2]. A súa importancia radica en que son os alicerces das investigacións que cinguen os estudos de xénero e os estudos literatura infantil xurdidos nos finais dos anos noventa e no novo milenio[3]. Estes traballos, non especialmente numerosos até o momento mais si relevantes polas súas conclusións, non adoitan recoñecer o legado feminista dos anos setenta, precisamente pola súa escasa visibilidade. Publicadas en cadernos especiais de revistas de información xeral ou en publicacións especificamente feministas, as reivindicacións do feminismo en relación á educación das rapazas e ao seu ocultamento nos textos literarios pasaron practicamente desapercibidas pola crítica posterior. En moitos casos, amais, foron deslexitimadas: por unha banda porque o feminismo e a teoría literaria feminista aínda seguen sendo considerados perspectivas de tipo ideolóxico[4]; por outra, polo forte compoñente reivindicativo e combativo que tiñan estas achegas primixenias[5], o que limitaría a súa aplicación académica mais non diminuiría o seu valor pioneiro. Por estes motivos, tentarase sintetizar –a través de exemplos concretos– as dúas liñas de abordaxe que o feminismo empregou para denunciar a discriminación das rapazas: por un lado a literaria, centrada na análise das imaxes dos textos e con presenza máis minoritaria nos anos setenta[6]; polo outro a educativa, máis habitual neste tempo e centrada en denunciar un sistema escolar deseñado para os rapaces.

A cuestión dos modelos de muller que aparecen na ficción para nenas e nenos comeza aparecer timidamente en revistas de información xeralista para logo gañar espazo e protagonismo en revistas feministas e literarias. Ao comezo, as achegas serán breves e adoito contundentes, moi centradas nas narracións populares, namentres que –na medida en que a cuestión vai acadando un desenvolvemento paseniño– irán centrándose na literatura española e conseguindo unha maior profundidade. Un exemplo deste tipo de textos iniciáticos atópase xa en 1975 en Ciudadano. Revista de información al consumidor, que dedica un suplemento especial á muller[7]. Significativamente, dentro deste caudal informativo, aparece unha pequena nota titulada “Prefabricando niñas”, asinada por Mariella Righini (1975: 41) na que se afirma:

 

Caperucita Roja es una niña subnormal, enviada por una madre irresponsable a unos bosques llenos de lobos, para llevarle la comida a una abuela impedida. Semejantes disparates conducirían a la catástrofe, sin la intervención, in extremis de un valiente cazador. Blancanieves es otra pequeña gansa, apenas capacitada para llevar una casa minúscula, que muerde la primera manzana que le presentan, en cuanto sus pequeños patrones vuelven la espalda. Hubiera muerto por ello a no ser por un joven a caballo que la saca del apuro. Cenicienta no sale mejor parada: es el prototipo de las virtudes domésticas, un concentrado de humildad, de resignación, de subdesarrollo de la conciencia.

 

Esta nota funcionaría como unha sorte de revulsivo destinado a facer reflexionar ao lectorado sobre a chamada perigosidade dos contos tradicionais. Na mesma liña, débese contemplar o traballo de Elena Gianini Belotti, que aparece no mesmo 1975 en El Correo, en concreto no monográfico “Hacia la liberación de la mujer”. A investigadora italiana explica como as expectativas que os proxenitores e, en xeral, a colectividade teñen sobre un neno e unha nena son diferentes e delimitan o seu futuro dende o seu nacemento. Amais, sostén que as obras literarias facilitan ríxidos modelos xenéricos: “... niñas pasivas y sedentarias, que únicamente juegan con muñecas y ayudan a su madre en los trabajos caseros, y niños activos que estudian, cuyos juegos presentan gran movilidad e imaginación” (Gianini, 1975: 44).

A importancia deste artigo reside en dous elementos: o establecemento dun estereotipo que se ha repetir nas ficcións e que ha ser denunciado polas feministas insistentemente –aínda hoxe o reflicten, con escasas variacións, numerosos estudos– e a certeza de que no Estado español se estaba prestando abonda atención aos roles de xénero que se formulaban na LIX, xa que se coñecían estudos publicados fóra das fronteiras peninsulares. Elena Gianini era na altura unha autora recoñecida comprometida co feminismo tras a publicación en 1973 de Dalla parte della bambina, unha comprometida análise da marxinalización das nenas que deu lugar a toda unha corrente de pensamento e mesmo a unha editorial homónima, creada por Adela Turín en Milán en 1975[8].

Seguramente sexan estes precedentes os que dan lugar a que en 1976 unha das revistas feministas máis coñecidas[9] na época, Vindicación Feminista, introduce un delongado artigo de Ana Moix[10], que aínda con alento reivindicativo e atención aos contos tradicionais[11], por primeira vez realiza unha valente andaina dende a perspectiva feminista pola historia da literatura infantil en lingua española. A creadora ocúpase tanto dos libros ou series máis significativas[12] coma nos populares tebeos e nas revistas destinadas ás nenas (coa súa grande dose de sentimentalidade) e aos nenos (coa súa conseguinte parte de acción e violencia). Establécese así que nas historietas para rapazas se impón o “sadismo moral” e que nas destinadas aos rapaces o fai o “sadismo físico” (Moix, 1976: 38). Porén, a achega acaba cunha esperanzadora visión de futuro ao afirmar que a produción dos chamados autores e autoras da Xeración dos 50 que escriben para a infancia[13] vai xa dirixida a ambos sexos e “intenta no acrecentar las filas de ʽrosasʼ y ʽazulesʼ, cosa de la que ya se encarga la sociedad y todas las instituciones” (Moix, 1976: 39).

A liña de corte máis educativo viña amparada, amais de polo movemento feminista, pola renovación pedagóxica resultado do camiño cara a democracia[14]. Neste contexto, semella lóxico que unha publicación como Cuadernos de Pedagogía lle dedique un número especial[15] á educación das mulleres, centrado esencialmente en tres cuestións: a pegada machista da formación –tanto a través da escola coma de sectores eclesiásticos e da Sección Femenina–; a segregación escolar, herdeira da ríxida diferenciación de roles de xénero; e a marxinación laboral da muller como consecuencia do anterior. Dentro do primeiro ámbito, Elena Posa (1977: 30-35) analiza a educación que as nenas recibiron durante o franquismo. Amais de establecer a vinculación entre sexo femino e familia –consolidada na ditadura pola presión ideolóxica da Falanxe e a Igrexa–, sinala cales foron as pautas seguidas polo Réxime na escolarización: a prohibición da coeducación; o establecemento de que nenos e nenas debían contar con profesorado do seu mesmo sexo; e programas educativos diferente para uns e outras. Para Posa (1977: 32), o interese do franquismo nas cativas residía en agudizar a súa situación de desigualdade –creándolles un universo endóxeno de amizade entre mulleres a través da Sección Femenina– e en que estas transmitisen os roles de xénero aos seus descendentes.

Marina Subirats afronta, dende unha perspectiva máis práctica de cara a nova situación político-social, a supresión da segregación por sexos na escola. As cativas de finais dos anos setenta integrábanse nun tipo de educación anteriormente exclusiva dos rapaces, o que implicaba a perda dos valores do chamado modelo feminino –nese momento desprezado porque incorporaba coñecementos atribuídos ao mundo das mulleres– e unha situación inicial de desigualdade para as nenas, non afeitas a desenvolverse nese paradigma de escolarización (Subirats, 1977: 37). Fronte a isto, proponse un verdadeiro paradigma escolar coeducativo, que valore as actitudes de ambos sexos, fomente neles comportamentos non estereotípicos e empregue libros de texto non sexistas. Sobre a literatura para a infancia, as súas consideracións son ben nidias:

 

Los cuentos infantiles: otro gran arsenal de mitos sexistas. Bajo una aparente inocencia, reproducen unos roles perfectamente tipificados. Es cierto que se está realizando un esfuerzo innovador en este sentido, y que existen, por ejemplo, textos italianos[16], hoy traducidos, que nos descubren una nueva óptica. Pero, ¿cuántos maestros los conocen y utilizan? (Subirats, 1977: 38).

 

Nas seguintes páxinas, o Colectivo de Educación del Frente de Liberación de la Mujer (1977: 44-45) asina un artigo co explícito e contundente título “Libros de texto, libros de sexo”. Dende a década dos setenta a análise e a crítica dos materiais escolares dende o punto de vista da distribución de labouras reservadas para cada un dos sexos, constitúe un tema case que tópico, como amosan posteriores achegas (Careaga e Garreta, 1987; Bautista, 2002), aínda que a listaxe citada podería ser verdadeiramente interminábel. Porén, esta nota sintetiza perfectamente as denuncias que conteñen os estudos vindeiros con respecto aos manuais: a pertenza dos varóns ao ámbito do público e das mulleres ao do privado; a preponderancia de figuras masculinas; as diferenzas no tipo de xogos en relación ao sexo; a limitación laboral das mulleres, que sempre se representan en papeis asistenciais e, en xeral, a capacidade destes volumes para inculcar no alumnado un universo en que existen uns papeis sexuais claramente diferenciados.

Nese mesmo 1977, Vindicación Feminista volvía somérxerse na polémica da educación das nenas. Maite Goicoechea (1977: 52-55) dá conta do movemento social “escuelas en lucha”, que xurdira en Barcelona a partir das denuncias de ensinantes e de asociacións de pais e nais, que manifestaban que o sistema educativo franquista pervivía nalgúns colexios públicos. O Ministerio de Educación non recoñecía a profesorado elixido pola veciñanza nalgúns barrios da capital catalá nin aceptaba as súas reivindicacións pedagóxicas. Estas tiña un carácter marcadamente feminista, pois a coeducación era un elemento fundamental dentro do programa deste modelo de escola. O documento anunciaba a introdución de medidas compensatorias cara ás nenas coa fin de superar tabúes herdados que as situaban en condicións inferiores. A experiencia formativa destas profesoras facíaas conscientes tanto da compartimentación de roles entre ambos sexos, como da interiorización das rapazas do papel que terían que desenvolver no futuro: o de naisesposas circunscritas ao ámbito do fogar, e polo tanto, do privado.

As diferentes, mais complementarias, perspectivas achegadas, permiten percibir como dende os ámbitos educativo e literario e dende moi diversos perfís de publicacións, a marxinalización das mozas era na época un tema de preocupación central para educadoras, xentes do mundo da cultura e feministas. Alén, indican que as cuestións fundamentais da coeducación e do sexismo das ficcións infantís estaban xa asentadas nunha base bastante sólida nos anos 70, aínda que até hoxe se siga incidindo nalgunhas delas e estes cimentos sexan raramente recoñecidos. Perfís xenéricos estereotípicos, espazos en que se representaban ambos os dous sexos, encasillamento laboral dependendo de ser mulleres ou homes, estaban xa detectados naquel tempo. A reiteración da súa denuncia quizais se explique en que obras ficcionais e manuais escolares seguen agochando, dun xeito máis sibilino, prexuízos sexistas. Para combatelos cómpre procurar ferramentas novas que dean, ao mesmo tempo, perspectivas novas. Os estudos de xénero –dificilmente imaxinábeis sen as achegas feministas que se veñen de debullar– e as recentes investigacións sobre ideoloxía das obras infantís (Stephens, 1992) poden constituír esas ferramentas.

 

Bibliografía

BAUTISTA VALLEJO, José (2002), Estereotipos sexistas en educación: consideraciones para la didáctica, Sevilla: Padilla Libros.

CAREAGA, Pilar e Nuria GARRETA (1987), Modelos masculinos y femeninos en los textos de EGB, Madrid: Instituto de la Mujer/Ministerio de Cultura.

COLECTIVO DE EDUCACIÓN DEL FRENTE DE LIBERACIÓN DE LA MUJER (1977), “Libros de texto, libros de sexo”, en Cuadernos de Pedagogía, n° 31-32, Año III, pp. 44-45.

COLOMER, Teresa (1998), La formación del lector literario. Narrativa infantil y juvenil actual, Salamanca: Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

— (1999), Introducción a la literatura infantil y juvenil actual, Madrid: Editorial Síntesis.

GALLEGO AYALA, Juana (1990), Mujeres de papel: de ¡Hola! a Vogue, Barcelona: Icaria.

GIANINI BELOTTI, Elena (1975), “Lo que espera a las niñas: un destino de subdesarrolladas”, en El Correo, agosto-septiembre 1975, pp. 42-47.

(1978), A favor de las niñas, Caracas: Monte Ávila Editores.

GOICOECHEA, Maite (1979), “Bienvenidos los cuentos feministas”, en Vindicación Feminista, n° 19, p. 11.

(1977). “La escuela pública franquista se resiste a firmar su defunción”, en Vindicación Feminista, nº 17, 1-11, pp. 52-55.

MOIX, Ana (1976), “Érase una vez… La literatura infantil a partir de los años 40”, en Vindicación Feminista, n° 5, 1-11, pp. 28-39.

PAUL, Lissa (2004), “Feminism Revisited”, en Peter Hunt (ed), International Companion Encyclopedia of Children’s Literature, vol. I. Second Edition, Oxford and New York: Roudledge, pp. 140-153.

POSA, Elena (1977), Una educación especialmente femenina”, en Cuadernos de Pedagogía, n° 31-32, julio, Año III, pp. 30-35.

RIGHINI, Mariella (1975), “Igualdad de sexos”, en Ciudadano, nº 2, p. 41.

STEPHENS, John (1992), Language and Ideology in Children’s Fiction, Singapore: Longman.

SUBIRATS, Maríana (1977), “De la contaminación machista a la coeducación”, en Cuadernos de Pedagogía, n° 31-32, julio, Año III, pp. 36-38.

VV.AA (1977), “Manos a la obra” (editorial), Cuadernos de Pedagogía, n° 31-32, julio, Año III, p. 2.

 



[1]Tanto en revistas de información xeral como en publicacións de contido máis específico –como as literarias ou as pedagóxicas- ou cunha marcada perspectiva– como as feministas.

 

[2]Este simbolismo ven propiciado non só por ser o ano da morte de Franco e o do tránsito cara a democracia no Estado, senón tamén porque 1975 foi declarado Ano Internacional da Muller pola UNESCO.

 

[3]Nótese que se alude aquí aos estudos de xénero e non á teoría literaria feminista. Isto débese a que se considera que os primeiros son unha evolución e unha ampliación da segunda, xurdidos na década de noventa. Pártese desta idea seguindo á académica canadense Lissa Paul (2004: 142) que considera –para o caso da crítica de LIX en lingua inglesa– que por volta de 1991 as ensinanzas do feminismo foran en certa medida internalizadas pola crítica, o que permitiu a construción dunha tradición feminista na LIX. Sería esa tradición a que posibilitaría o cambio dos estudos feministas aos estudos de xénero, que incluirían tamén o interese pola perspectiva lesbiana, gai, bisexual e transexual.

 

[4]Así o contempla, por exemplo, Teresa Colomer (1998: 100).

 

[5]Cómpre sinalar que a da reivindicación foi unha tendencia compartida nas décadas de setenta e oitenta por diferentes ámbitos lingüísticos –como o inglés e o alemán– á hora de denunciar o sexismo nos textos infantoxuvenís.

 

[6]A liña da teoría literaria feminista centrada na LIX e/ou do interese pola marxinalización das mozas nos textos acadará o seu maior desenvolvemento nos finais da década dos oitenta e nos comezos dos noventa.

 

[7] O suplemento sae co número 2 de dita revista e céntrase en temáticas variadas.

 

[8]Varios dos títulos do seu proxecto viron a luz na Península na colección homónima que publicou a Editorial Lumen dende 1976. O seu primeiro título foi Arturo y Clementina da autoría da propia Turín e con ilustracións de Nella Bosnia.

 

[9]Tamén foi a primeira con pretensión comercial desta ideoloxía e a que tivo un máis longo percorrido (Gallego Ayala, 1990: 139).

 

[10]Non temos certeza absoluta de que así sexa, mais todo apunta de que se trata da autora que normalmente asina as súas obras como Ana María Moix.

 

[11] Deles sostén: “La mujer no puede desempeñar un papel peor. Empezando ya por el hecho de que la casan con el héroe que gana un torneo o da con la solución de algún acertijo (costumbre primitiva), la mujer es falsa, curiosa hasta morir [...], es tan hipócrita que, viuda, llora el cadáver del difunto marido teniendo ya otro [...], es comilona y mentirosa, [...] es indiscreta y para evitar sus malos humores el marido tiene siempre una vara dispuesta para el castigo” (Moix, 1976: 30).

 

[12] Como sería o caso das historias da popular Celia ou de Cuchifitrín (irmá de Celia, tamén protagonista dunha serie), saídas da imaxinación de Elena Fortún.

 

[13]Refírese a creadoras como Ana María Matute e Carmen Kurtz e a autores coma Rafael Morales e Joaquín Aguirre.

 

[14] De feito, os editores da publicación indican: “Las elecciones han acababado. El tiempo de las alternativas educativas empieza ahora en serio. Abandonaremos poco a poco el terreno de la crítica y de la propuesta sin palancas de actuación, para entrar en el escenario contradictorio de la transformación enfectiva de la realidad a través del poder político, poco o mucho, que obtengamos” (VV.AA, 1976: 2).

 

[15]Trátase concretamente, do número 31-31, publicado en xullo de 1977.

 

[16]Refírese, sen dúbida, á produción literaria creada e/ou editada por Adela Turín, un referente simbólico no tempo, aínda que tamén tivo as súas críticas. Así por exemplo, na presentación en Barcelona da colección “A favor de las niñas” algunhas feministas, como Carmen Alcalde ou Montserrat Roig, manifestaron que o de Turín era un feminismo “escasamente militante” (Goicoechea, 1979), seguramente porque as súas obras non ofrecían modelos alternativos de comportamento para as rapazas, senón unha simple repartición de tarefas.